Sunday 05 de May de 2024

O Puebla F.C. e o S.D. Compostela estreitan lazos a favor do fútbol base


Impulsar e consolida-lo fútbol base na localidade. Este é o compromiso adquirido polo Puebla F.C. e o S.D. Compostela mediante a sinatura dun convenio que pretende dar un salto cualitativo no futuro da entidade pobrense para conformar unha sólida estrutura de traballo ao tempo que se instauran sinerxías. Todo isto co apoio institucional do Concello.

 

Coa a presenza do alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), o presidente do club pobrense, Nelson Barreiro, e o seu homólogo da sociedade compostelá, Javier García, rubricaron o acordo cuxa duración é de tres anualidades, revisable en cada exercicio, que ten como obxectivos básicos educa-los nenos/as da canteira pobrense a través da actividade física, xestándose a súa personalidade de forma libre e creativa; así como o desenrolo das aptitudes físicas, motrices, técnicas e tácticas nun contexto de valores individuais e colectivos.

 

O director deportivo do Puebla F.C., José Francisco Cores, e o director deportivo da canteira do S.D. Compostela, Víctor Pazos, debullaron o plan de acción no que esta última sociedade xoga un papel fundamental. Proporcionará asesoramento para o perfeccionamento do método de traballo e, nesta liña, accións formativas dirixidas aos adestradores, ademais da participación en xornadas de preparación do club santiagués para coñece-la metodoloxía empregada. Tamén se traduce en adestramentos con contidos deportivos de calidade, tecnificacións, a posibilidade de sesións conxuntas e torneos. A isto último hai que engadir a ocasión de asistir a citas da referida sociedade compostelá.

 

A maiores, esta firma supón que ámbalas entidades coorganizarán eventos e actividades de intercambio, a realización de campus de fútbol base, clinics, cursos de tecnificación e partidos amigables, entre outras cuestións.

 

O rexedor trasladou o apoio da Administración local a este tratado e a disposición das instalacións deportivas municipais para materializalo.